SUBVENCIÓNS DESTINADAS A INCENTIVAR O TURISMO ACTIVO, ACTIVIDADES DE LECER E TEMPO LIBRE.
Obxecto: as seguintes liñas de actuación.
Liña A) Investimentos para a mellora das infraestruturas para o desenvolvemento de actividades hípicas, náuticas, golf e oferta turística complementaria.
Liña B) Investimentos para a adquisición e/ou renovación de material para a práctica das actividades obxecto da convocatoria (bicicletas, piraguas, embarcacións, material golf, sendeirismo, material para centros BTT, etc.).
Os centros BTT son instalacións de apoio á práctica do ciclismo de montaña nas cales os usuarios poderán atopar todo tipo de servizos e rutas para a práctica desta actividade deportiva en Galicia. Un centro BTT defínese como un produto turístico destinado a promover a bicicleta de montaña.
Liña C) Creación de novas ofertas. Gastos de promoción e difusión, así como ferramentas ou aplicacións web para a promoción e comercialización dos produtos en sitios web propios ou de terceiros (webs, redes sociais ou blogs), específicos dos produtos desenvoltos.
Respecto das ferramentas ou aplicacións web terase en conta neste punto:
C.1) Que non se considerará subvencionable a plataforma base que soporte a aplicación desenvolvida. É dicir, non terán carácter subvencionable os gastos relativos a adquisición ou mantemento de equipos informáticos, sistemas operativos, bases de datos, equipos de comunicación, hosting web, e calquera outro que dea soporte á dita aplicación.
C.2) Presentaranse exemplos do que se pretende construír con base na comparativa con aplicacións xa presentes no mercado, referenciando, se é posible, os enderezos web onde se atopen os ditos exemplos.
C.3) O proxecto presentarase segundo o modelo que se acompaña no anexo VII.
Considérase investimento subvencionable tanto a execución material das obras que se emprendan para a reforma ou mellora dos establecementos ou infraestruturas obxecto desta resolución como, se é o caso, a adecuación do contorno e os honorarios técnicos.
Están comprendidos nos proxectos de obras e son, por tanto, subvencionables, todos aqueles bens de equipamento que deben ser empregados nestas mediante instalacións fixas, sempre que constitúan complemento natural da obra. Non se considera subvencionable o equipamento que non cumpre as devanditas condicións.
Contías:
• Os proxectos sinalados no punto 1.3 Liña A) poderán acadar un máximo de axuda de ata o 40% do orzamento subvencionable. O importe subvencionado por este concepto será dun máximo de 250.000 euros.
• Os proxectos sinalados no punto 1.3 Liña B) poderán acadar un máximo de axuda de ata o 40% do orzamento subvencionable. O importe subvencionado por este concepto será dun máximo de 100.000 euros.
• Os proxectos sinalados no punto 1.3 Liña C) poderán acadar un máximo de axuda de ata o 40% do orzamento subvencionable. O importe subvencionado por este concepto será dun máximo de 60.000 euros.
Beneficiarios: as empresas (pemes) autónomas ou as constituídas baixo calquera tipo de sociedade mercantil, civil ou comunidade de bens, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e sexan titulares dos establecementos nos cales se poidan realizar os investimentos obxecto de subvención, segundo o establecido no artigo 1 destas bases.
Prazo: ata o 6 de xullo.
Deixar unha resposta