A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, convoca tres bolsas de formación para apoiar a participación de obradoiros artesáns galegos nun Máster de Deseño en Pel dirixido pola Fundación Loewe.
As axudas, dirixidas a artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, supoñen o 40% por cento da matrícula do máster, e ascenden a 2,500 euros cada unha. O obxectivo desta iniciativa é apoiar a especialización dos artesáns galegos, incidindo especialmente no deseño, a innovación e a aplicación de novas tecnoloxías. Os profesionais interesados deberán facer chegar a súa solicitude xunto co seu currículo á Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño antes do 5 de febreiro.
O Máster de Deseño en Pel, baixo a dirección de Enrique Loewe, desenvolverase na cidade andaluza de Ubrique do 4 de marzo ao 21 de maio, baixo as directrices de diferentes deseñadores de bolsos en colaboración con experimentados artesáns e técnicos de marroquinería.
A convocatoria destas bolsas encádrase na estratexia integral de apoio ao sector artesán impulsada desde a Consellería de Economía e Industria. Ademais de apostar pola formación dos profesionais incídese na promoción e a mellora da comercialización, xunto coa innovación e a adaptación ás novas tendencias do mercado e do deseño. Ao mesmo tempo, presérvanse os valores que constitúen a esencia dos produtos artesanais, como son os bos materiais, un proceso de produción coidado e un resultado de calidade.
Deixar unha resposta