A sede da Fundación Feiraco en Ames acollerá este taller de sete sesións que se desenvolverán entre o 1 e o 15 de outubro.
Esta iniciativa, de carácter gratuíto, forma parte da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, impulsada dende a Consellería de Traballo e Benestar.
O Obradoiro está destinado a novos emprendedores, especialmente mozos e mulleres, e, en xeral, está aberto a todos os posibles interesados. O principal obxectivo é impulsar a creación de emprego estable no medio rural mediante o cooperativismo.
Ao longo do curso abarcaranse cuestións como a elaboración dun plan empresarial, as vantaxes da fórmula cooperativa para crear emprego estable no rural e as axudas públicas dispoñibles.
Ademais amosaranse casos reais de iniciativas de éxito no ámbito rural e, como colofón, terá lugar unha visita guiada a unha cooperativa -exemplo de éxito empresarial- que sirva de estímulo aos participantes para iniciar o seu propio negocio.
Será o sétimo curso impartido neste ano con este formato por técnicos de diversas áreas da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, con boa acollida por parte dos alumnos participantes.
A iniciativa forma parte da rede de actividades desenvolvidas no marco da Rede Eusumo, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Traballo e Benestar para o fomento do cooperativismo e a economía social. Con ela procúrase o fomento do espírito emprendedor no ámbito local, comarcal e transfronteirizo prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social, no territorio de actuación.
Máis información:
Lugar: Fundación Feiraco (Pontemaceira-Agrón s/n, Ames – A Coruña)
Datas: 1, 2, 3, 8, 9, 10 e 15 de outubro de 16:00 a 19:00 h
E-mail: agaca@agaca.coop
Teléfono: 981 584 783 / 981 584 911
Deixar unha resposta